“Lembranzas do entroido”, cartel gañador.

ganador-cartel-entroido-2016“Lembranzas do entroido”, de Andrés Cid Blanco, faise co primeiro premio do Concurso do cartel do Entroido 2016 converténdose así na imaxe desta festa para o próximo ano.

O xurado -conformado por un representante da hostalería (Antonio Fernández Torcuato), un artista local (Fernando Barreira Mateo), un deseñador gráfico (Jorge Godás Limia), un representante do sector deportivo (José Manuel Zubiela Calderón), un estudoso do entroido (Miguel Ángel Losada García), e a gañadora do cartel do entroido 2015, Olalla Diéguez Boo- tivo a difícil misión de seleccionar un cartel de entre os trinta que se presentaron nesta edición, fronte aos catro da anterior de 2015.

cartel-entroido-2016
Cartel “Lembranzas do entroido”, de Andrés Cid Blanco, gañador do concurso de carteis do Entroido 2016

Vista a alta calidade dos carteis participantes, que ilusionou tanto a xurado como a público, un total de 455 veciños deixaron constancia das súas preferencias nas urnas, o xurado considerou ter en conta este voto popular como o 50% da puntuación total.

Así, unha vez sumados os votos de xurado e veciñanza, “Con V de Verín”, de Manuela Álvarez Rojas, acadou o segundo posto deixando en terceiro lugar a proposta de David Gómez Pérez, “Chorima flor de toxo”.