HISTORIA – ORIXE DO ENTROIDO EN XERAL
Non se ten precisado con certeza a orixe das festas do Entroido.
É en épocas escuras da Idade Media cando aparece con máis forza formando parte do círculo litúrxico cristián, polo que parece que sen a existencia da Coresma, o Entroido, non perdurase na forma que maioritariamente se presentou ata hai algúns anos.
Desde o Renacemento creuse que o Entroido proviña directamente das antigas festas Saturnais romanas. Nestas festas existía como costume xeneralizado, o troco de agasallos e invitacións, de vestirse con máscaras ou disfrazarse e de que os señores vestisen humildes roupas dos escravos, gozando estes por contrapartida, de certa liberdade sen recoñecer amo algún.
A propia verba Carnaval levou a alguns a derivala de “carrus navalis” ou representación que nas festa das Kalendas de marzo viñan celebrala os romanos en honra da deusa Isis, con procesións, disfraces e exhibicións de barcos arrastrados pola terra.
O Entroido é unha festa na que os ritos e manifestacións de orixe arcaica mestúranse na época romana con outros de tipo social, que perduran ata a Idade Media, adquirindo tamén un sentido cristián. A convivencia de ambas manifestacións, a pagá e a cristiá, lévannos definitivamente a fixar os carácteres que aínda hoxe na actualidade detéctase na festa do Entroido.
A cultura popular era poderosa mentres que a oficial e relixiosa máis feble, polo que, con fins propagandísticos a igrexa facía cadrar as súas festas con aquelas que fosen pagás co único fin de intentar cristianizalas. As festas populares nas que a risa, a burla ou a pantomima, eran elementos esenciais, foron consideradas como cousa demoníaca, emanante do Inferno, e o rezo, o recollemento, a oración e o arrepentimento como provintes de Deus. Estas premisas marcaron a concepción filosófica dos primeiros tempos da igrexa medieval, e en canto, comenzou a considerar como unha segunda natureza humana, estas manifestacións de desafogo, ata o estamento relixioso chegou a asumilo no contorno do seu propio ritual, permitindo pois estes excesos en determinadas datas do ano co único fin de erradicalo aos poucos, e así desta forma os mesmos relixiosos, conscientes do seu papel transformador, contribuíron á súa expansión baixo novas formas, potenciadas por eles. Así chegaron a recrearse situacións xocosas e satíricas de paisaxes bíblicas e de libros relixiosos, sempre xustificándoas baixo a premisa desa segunda natureza humana. Na liturxia, nos funerais, nos matrimonios, bautizos e outras cerimonias comezan a aparecer estas manifestacións satíricas, exemplo diso, son: “As festas do San Xoan” “Os Inocentes” “A Liturxia dos Borrachos” “O Evanxelio dos Borrachos” “O Testamento Porcelli” “Pater Noster” “Credo” e outras letanías, que sen ningunha dúbida remítennos aos Testamentos e Enterros das nosas festas do Entroido. Tamén vellas pezas teatrais, os “ministerys” (dos menestrais=gremios) con intención ridiculizadora son un precedente dos Entremeses e Apropósitos dos nosos tempos.
En moitas destas festas saían xa previamente os “demos” enmascarados, circulando libremente polas rúas e creando un ambiente de desenfreo. Ao pouco tempo estes enmascarados xa aparecen organizados participando en gremios, en danzas e finalmente en procesións como penitentes representando sempre o demoníaco, o negativo fronte ao triunfo da fe.
A partir do Renacemento, coa nova concepción filosófica do mundo e da vida, a festa do Entroido foi máis unha lembranza e o adeus a outra época que xa terminara. Nalgúns casos foi así, máis noutros, a concepción vital medievalista perdurou por diversos motivos socioeconómicos, ata os nosos días; no rural, agrario e medieval a través das nosas xentes, as nosas vilas e cidades por medio dos gremios que mostraban os seus espectáculos, invencións, danzas e máscaras.
HISTORIA – ORIXE DO ENTROIDO EN VERÍN
Cremos que foi esta concepción a constante que fixo que os habitantes dunha comunidade coma Verin, predominantemente galego e rural, mantinveran viva esta tradición popular e ancestral.
O Entroido verinense foi parello coas circunstancias históricas e políticas do país ao longo do tempo, celebrandose con maior ou menor sorte.
Falamos duns anos que abarcan dende principios de século ata o ano 1.936, no que gozou dunha “certa” liberdade porque estivo marcado polas ordes e normas impostas polas autoridades da época, que non eran proclives a tanto derroche e desenfreo, e falamos tamén dos anos de represión, a época da posguerra, no que o Entroido suprimiuse en todalas suas manifestacións, chegando o ano 1.944, no que o alcalde por entón, de Verin, D. Edesio Fuentes consegue o permiso gubernativo para celebrar o Entroido na rúa, organizado a escote polos mozos e mozas, tendo a Praza Maior e da Estrela como centro neurálxico onde se ía concentra-la troula e ó que confluían as mascaradas e as comparsas para ledicia do numeroso público que enchía as fiestras das casas colindantes.
Un monótono discurrir dos actos, a improvisación dos mesmos, a crítica, e o enxebrismo eran as notas que máis destacaban no Entroido dos anos corenta, e nos seguintes, a pesares de adoecer nalgúns anos, tanto a necesidade de diversión e liberdade demandada pola xuventude da época, coma os esforzos por evitar a súa desaparición, prodúcese de novo en 1.981 un rexurdimento da festa do Entroido que nos leva ata os nosos días.
O Entroido coma festa popular é o reflexo dos vaivéns que constantemente lle sobreveñen ás xentes, a historia, a vida en fin. Mentres o Entroido sexa unha festa enraizada no pobo,estará suxeita a eses altibaixos lóxicos, adaptándose á forma de pensamento imperante en cada época e anovándose cada certo periodo, tal como ven acontecendo dende hai moitos séculos.
O ENTROIDO SERÁ MENTRES A XENTE O QUEIRA E COMO O QUEIRA.
SIGNIFICADO
É esta unha festa na que os ritos e as cerimonias mestúranse: porse máscaras, comer “do porco” (degustar todo tipo de produtos relacionados coa matanza; chourizos, carne e outros), botar fariña, queimar os Entroidos, o Meco, cambiar o carácter durante uns dias, cambiar os roles sexuais, etc…
Nestes días está permitido facer cousas que non o están o resto do ano e que ata parecerían de mal gusto, é pois o Entroido, en definitiva, o revés do mundo, a contradición da vida cotiá e a procura do investimento total dos valores.
Inconscientemente búscase un equilibrio no exceso fronte ao desequilibrio que supón o respecto á penitencia cuaresmal.
A crítica social, a parodia, o grotesco, o burlesco, son modos de ridiculizar inconscientemente os feitos da vida cotiá, os oficios, os cargos públicos, os cortexos relixiosos, a guerra, a xustiza, a vida dos veciños e outras manifestacións de tipo social ou profesional. Os ritos do Entroido, a vestimenta, os devanditos e feitos improvisados confírenlle tamén a certas máscaras un carácter teatral.
A literatura vese representada nas coplas e cancións populares deste tempo, alcanzando o verdadeiro carácter creativo que ten o seu máis alto reflexo na confección dos “Testamentos” e “Entremeses”.
Distínguese tamén unha tendencia natural ao igualitarismo, ao verse suprimidas as diferenzas sociais, de idade, estado civil, clase, sexo, etc. facendo que nesta festa mestúrense todos, esquecendo os respectos e as distancias que a vida cotiá impón.
É en esencia, a propia representación do paganismo fronte ao Cristianismo, nacido nunha época aínda máis pagá que a nosa, pero tamén máis relixiosa.
Bibliografía:
“Etnografía Galega, cultura espiritual”, de D. Xesús Taboada Chivite, editorial Galaxia.
“Verín y mi tiempo”, de D. Joaquín González Fuentes, editorial Grafo Dos.
“Os Entroidos en Verín, 1900-1989”, Primeira Edición 1990, Edita: Concello de Verín, Imprime Gráficas Cars, Dep. Legal OR – 21/90
“O Entroido nas Terras de Monterrei”, obra de D. Xerardo Dasairas Valsa, ed. Do Cumio. 1990.
“Máscaras de Entroido no sureste Ourensán”, obra de D. Xosé Rodríguez Cruz, ed. Artes gráficas y publicidad Dibay S.L. 1998
“Actas das Xornadas sobre o Entroido de Galiza”, editorial SAGA, ISBN. 2341-0019
Agradecemento pola súa colaboración e o seu permiso expreso por permitirnos usar todo o seu trabal lo.